Scroll Top

CARACOCHA

Este carballo, de máis de 400 anos de idade, denomínase Caracocha polo gran burato que ten no seu tronco, considerándose o Carballo Sagrado. Atópase na praza do Concello e presidindo o seu escudo

Relaciónase coa orixe do termo de Ribeira Sacra. Algúns historiadores indican que esta foi unha mala tradución; no documento fundacional do Mosteiro de Montederramo, figura o termo “rovoyra sacrata”; cuxa tradución correcta seria Carballo Sagrado.

O termo de Carballo Sagrado, ten orixe nunha lenda que di que nos tempos do rei Alfonso XI, cando a peste azoutaba Galiza, as follas deste carballo foron o remedio que salvou centos de vidas.

Todo comezou cando a filla do señor de Lemos contrae a enfermidade. Este acudiu ao Mosteiro de Montederramo para que o considerado o boticario máis sabio da coroa, Bernardo, atopase o remedio para a súa filla. A pesar dos esforzos do boticario, a filla do señor de Lemos estaba cada vez máis débil, chegando este a ameazar a vida de todos os monxes se a súa filla morría. A pesar da ameaza mortal, o boticario e os seus axudantes seguían sen atopar un remedio. Un dos aprendices máis novos, tras desaparecer durante varios días, regresou cunha muller, Elvira de Boborás, para que os axudara; pois crecera escoitando como esa muller era capaz de curar enfermidades incurables.

Estas afirmacións, enfureceron ao boticario, que acusou ao aprendiz de blasfemo e a muller de bruxa; apresando a ambos. O abade, temendo que a ameaza de morte estaba preto, liberounos unha noite esperando un remedio. Elvira, dirixiuse a un carballo plantado no medio do pobo, e buscando entre as súas ramas elixiu e cortou algunhas, pechándose na botica con elas. A mañá seguinte, entregoulle un ungüento ao abade. Nada máis decatarse o boticario, encolerizado conseguiu que os demais desobecesen ao abade e encaráronse con Elvira. Levárona maniatada e espida ata a praza, atándoa ao carballo, onde lle prenderon lume.

Cando o axudante ía correr a mesma sorte, chegaron os homes do señor de Lemos e impedírono, pois o remedio administrado tivera efecto. Non chegaran a tempo de salvarlle a vida a Elvira, pero si o seu remedio, pois esta deixara a cura das follas de carballo na súa celda.